Feira mariñeira na localidade palilleira o 17, 18 e 19 de agosto.
O concello de Camariñas organiza unha feira mariñeira que se desenvolverá entre o 17 e o 19 de agosto e que foi presentada o pasado 24 de xullo polo alcalde Manuel Valeriano Alonso de León, e polas concelleiras María Xosé Gerpe Martínez e Sandra Ínsua Rial.
Segundo os promotores será «un certame poliédrico no que terán sitio todos os aspectos que rodean ó mar, fonte de vida desta localidade da Costa da Morte». Pretenden ampliar o abano de «Expo Ría» e abranguer a pesca, o turismo, a gastronomía e a cultura.
Balandro Joaquín Vieta en Camariñas
Durante tres xornadas haberá degustacións de produtos do mar, exposición e venda de artesanía, degustacións, música en directo, danza, obradoiros para nenos e nenas, charlas e rutas mariñeiras a bordo do centenario balandro de cabotaxe «Joaquín Vieta».Unhas actividades que comezarán despois do pregón que ofrecerá o 17 de agosto, o actor e humorista Cándido Pazó.
O sábado entregaranse os premios «Mar de Camariñas», unhas distincións «destinadas a persoas e institucións con brillantes traxectorias no mundo do mar».O domingo, día da clausura, organizarase un encontro de «Danzas Brancas». Segundo os promotores do evento, o cartel non está pechado e proximamente daranse a coñecer máis novidades e «sorpresas».