domingo, agosto 14, 2022
InicioCultura marineraTerra do mar. Patria do vento. Vocabulario mariñeiro

Terra do mar. Patria do vento. Vocabulario mariñeiro

Rafael Lema//

 

Nesta obra aparecen un bo número de accidentes da costa, así como termos mariños, por iso creo que este capítulo pode servir ó lector para achegarse máis á cultura mariñeira da Costa da Morte. Nestas liñas tamén se apreza o respecto que a nosa xente ten polo mar e polo tempo. Sabe que non se pode xogar con él, cos seus caprichos. E por iso sucederon unha boa parte dos accidentes, por faltarlles o respecto as súas maxestades os ventos, a temible costa. Hoxe, como fai varios séculos, tal os mareantes das odiseas de Cunqueiro, a xente do mar na Costa da Morte mira ó ceo, as nubes, os ventos, antes de sair a faena, para preparar a seguinte xornada, seguindo unha complexa maquinaria cultural herdada, froito da experiencia. O estado do mar e o vento son o binomio principal sobre o que xira este xeito de mirar, que agocha un rico silabario que se perderá co derradeiro dos nosos mariñeiros. Nun traballo do Consello da Cultura Galega (Actas I Simposio Int. Antropoloxia Mariñeira. Pontevedra, 1997) encontramos tamén citas de mariñeiros da zona con valiosas informacións.

 

O vento e o estado do mar son as formas do primeiro silabario. En canto ó MAR picado, distinguen os mariñeiros: mar de travesía, mar de ondas, bagha de mar, bagha de mar campal, mar roleiro, mar de fondo, media bagha de mar. A observación do ceo é mirar o semblante, tal nun libro que fala no mesmo idioma da xente. O tempo clarea (vai mellorando), está declarado (de?nido) ou é un tempo claro (seguro, estable). Os pescadores buscan o semblante e miran para onde corre, as trazas que leva. Por exemplo, a densidade, tamaño e forma das NUBES, ou como o vento xoga con elas. Polo xeito hai nubes gordas, trobóns (como montañas), nubes gaiadas (como raíces), nubes livianas (fume, pouco peso). Pola cor: nubes negras, nubes grises, nubes brancas. As escuras anuncian chuvia, as claras, vento. Outros datos son a dirección, altura e velocidade con que se moven. Deste xeito os ventos poden ir altos ou baixos, correr moito ou pouco e así levan as nubes polo ceo.

 

 

En xeral na costa aventada o oeste hai VENTOS de fóra (de compoñente SW, W e NW), ventos de terra (E e SE), nortes (NE e N) e ventos de abaixo ou vendavais (S). Nos portos expostos ós ventos dominantes (maior intensidade), máis orientados cara ó noroeste, os ventos de arriba serían de compoñente N, NE, e NW, os ventos de abaixo ou ventos foranos (S e SW), os ventos da costa (E e SE) e os ventos de travesía (W). Hai ventos fríos, ventos quentes, ventos que traen chuvia, ventos enxoitos. Ventos fortes ou ventos duros, ventos frescos. Cada vento ten unhas características únicas: o vento do norte é un vento de estío de frío, escravo, bravo, rexo. O vento do sur é amoroso , mol, cálido, e adoita vir acompañado de orballo. O vento do este polo xeral fai rebumbio no mar pola forza con que adoita presentarse; e o vento do oeste sempre é fero, ainda que traia boa cara. O vento do noroeste pode facer das súas cando se presenta só polo día e vai morrendo á noite. Hai ventos bravos, ventos bos ou malos, ventos falsos, ventos amorosos, ventos tolos. Personificados como a xente, traducidos a linguaxe e a xeito humano. Amigos ou inimigos do home.

 

O MAL TEMPO tamén ten moitas caras e depende da estación, vento, chuvia. Así temos:

Treboada: unha turbulencia atmosférica repentina (reventa dun momento para outro) que orixina fortes ventos e marusía no mar e dase no verán; case nunca trae chuvia; a súa duración é curta, dende cinco ou dez minutos ata dúas horas como máximo.

Borraxeira: ou borraxa, dase no verán e caracterízase por unha barra de néboa acompañada dun cambio no estado do mar (mar de fondo ou mar picado).

Ciclón: que é un vento moi forte e racheado; dase tanto no verán coma no inverno; no verán pode durar ata quince días e no inverno convértese en temporal cando os fortes ventos están acompañados de chuvias e mar tempestuosa.

Temporal: vaise formando paseniño, empeza por pouco e vai aumentando. Esta situación pode durar semanas, meses.

 

O mariñeiro debe interpretar os cambios que se observan nas estrelas, na lúa, no sol, así como certos comportamentos dalgunhas especies animais (gaivotas, arroaces), que poden achegar unha información valiosa: o circo da lúa; o becho, manchón ou as barbas do sol; a lucerna. Así fala un mariñeiro de Muxía sobre a observación e interpretación dos fenómenos dos ASTROS: «Coa luna tamén nos orientamos muito, e tamén co sol, pois ás veses fai un becho, chamámoslle becho porque é un tipo de manchón. Despois dunha trebonada é fásil que derreta a borraxeira. a borraxeira vese como vai vindo desde fóra e anunsia sur declarado. De nuite serrada vemos ó millor un brillo nas nubes, como si quixera poñerse o sol, pero no medio da nuite, ó millor as dúas ou tres da mañán, e non hai sol. Son as lusernas, que levan un manchón polo sur ou polo norte, destaca o color que leva, e cando se pon, quere desir vento a contra, e non falla; si o becho está no sur, vén vento de norte. Tamén cando o sol sale e mete uns destellos como si foran un faro, pois cando hai eso nós desimos que o sol ten barbas, ventos de arriba, de norte. A luna hai veses que cando leva así un color rosado, é que nos pon cara de chuvia. E outras veses leva un sirco, o sirco da luna, a este non hai que terlle medo, dános chuvia. O do sol si, cando o sol leva sirco, mal tempo. E sabes quen cho di exactamente, os cabróns dos arroases, cando empesan a brincar arriba e abaixo. A consistencia da area da praia, as correntes cando fan corsos de mar coma nos ríos, a transparencia da agua si están neghras e hai reghas de aghua é que avisan que van arrimar pesteadas (tempo de SW con «borraxeiras»), as pulghas da area cando brincan como tolas anuncian tempo do sur».

 

Iniciarse na pesca require coñecer a localización exacta das pasantías e carreiras polas que teñen que navegar os barcos para zafarse dos baixos perigosos. Din en Muxía: «O primeiro de todo é aprende-las carreiras. É o máis difísil de todo, as carreiras hai que conoselas por marcas porque sinón estás perdido, estás a risco de perder a vida a calquera hora. Si nas co noses escusas de ir ó mar. Aquí hai muitos baixos, ti sabes que a tres millas de terra tócase, e por terra do Cabo de Fisterra e por terra de Mexidos é unha serranía, ahora ti que che colla un mal tempo, unha serrasón no mar. E si non tes unha práctica da navegasion local eres home perdido».

 

Os pescadores para referirse ó FONDO crean dous grandes grupos, o que é pedra e o que é limpo, e designan para cada un deles diferentes acepcións. Por iso o labor da sonda, escandallo, é tan importante. Para saber a condición e medida. Nos fondos de pedra recoñocen a disposición e tipos de pedras: laxeado, boleiras, pedra brava, pedra mansa, chans, argaseira. A forma: rodas, petóns. A profundidade: secos, baixos, altos, cabesos, cantiles. Así como as especies asociadas a cada un deles, e para referirse ó fondo de area ou limpo: ollados, beiradas, praias, cuncharais, lameiros. No mar hai petóns, olladais de limpo, ratoeiras de pedra no limpo. Todo este coñecemento serve para o oficio, saber onde hai peixe e cando. As ratoeiras de pedra son boas para as fanecas, e cando hai mares picados para o congro. Os pintos están nos petóns, as robalisas tamén, pero camiñan máis. Nos fondos mariños hai:

BOLEIRAS: zona de seixos de diferentes dimensións; laxeado, rochas chans e de pouco relevo. PEDRA BRAVA: son pedras moi erosionadas e con moitas regañas. Dise brava polo dano sobre os aparellos de rede, xa que «os queima» (rompe). PEDRA MANSA: arghaseira, zona de substrato pedregoso na que medra algazo en grande cantidade; CHANS: fondos de pedra sen a penas elevacións. RODAS: pequenas extensións de pedras situada no medio dun areal; PETÓNS: pedras que sobresaen en altura con respecto ó nivel do fondo; BAIXOS: fondos de pedra relativamente afastados da costa e que sobresaen en altura, podendo chegar a sobrepasalo nivel da super?cie do mar. OLLADOS: zonas de pedra ciscada en substrato de area; BEIRADAS: son os límites que marcan a fronteira entre a pedra e o limpo; PRAIAS: extensións de area grandes no medio dunha zona pedregosa; CUNCHARAIS: (cuncheiras) zonas areosas onde se acumulan os restos de cunchas de bivalvos, normalmente de diferentes especies de ameixas, navallas, orellóns. LAMEIROS: super?cies de area branda e negra.

RELACIONADOS

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

- Advertisment -

MÁS NOTICIAS