O Patrulleiro Tabarca (P-28) da Armada Española realizou unha escala no porto de Laxe dentro da súa misión de Vixilancia e Seguridade Marítima en augas do litoral galego. Esta iniciativa contou coa colaboración da Real Liga Naval Española unha entidade centenaria dedicada á promoción e defensa dos intereses marítimos e náuticos e representada en Galicia por Xosé Manuel Pato.
A súa implicación nesta iniciativa pon en valor a importancia do sector naval e fomenta o achegamento da cidadanía ao mundo marítimo. O Patrulleiro Tabarca pertence á Clase «Anaga», unha serie de dez buques construídos para tarefas de vixilancia e control marítimo. Actualmente, só permanecen en servizo tres destas unidades. O buque leva o nome da illa alacantina de Tabarca e ten a súa base na Escola Naval Militar de Marín (Pontevedra).

O seu comandante actual é o Tenente de Navío Pablo Lewicki Basanta, natural de Pontevedra. A súa misión principal é garantir a seguridade marítima a través da presenza naval e o control dos espazos marítimos de interese nacional. Ademais, colabora activamente no adestramento do alumnado da Escola Naval Militar.
O patrulleiro formou parte nunha fría mañá do simulacro Marsec 25 iniciado polo delegado rexional da RLNE desde a embarcación recreativa Goi. Participaron o pesqueiro local Novo Narval, o patrulleiro Arnomendi, o remolcador Sebastián de Ocampo, o patrulleiro Punta Festiñanzo da Xunta de Galicia e o UBUFER.

Ademais de X. M. Pato outros membros da RLNE estiveron presentes, como Gabriel Cernadas visitando o Tabarca ou Daniel Anido que mostrou unha das súas maquetas ao comandante do patrulleiro P63. Anido traballa na recreación exacta dunha nao española do XVI, unha maqueta duns 80 centímetros con todo detalle e rigor. Trátase da nao San Francisco, que formou parte da Invencible como almiranta da Escuadra de Andalucía e logo navegou a México e Filipinas. Foi capitana do galeón de Manila e afundiu cerca de Tokyo. Unha nao de construcción cántabra, con bastante eslora con respecto a proporción habitual e axeitada á Carreira das Indias. Un naufraxio que abre unha ponte histórica entre Xapón e o Cantábrico, como recordan desde a RLNE.

FOTOS DANIEL ANIDO
