viernes, marzo 6, 2026
InicioCultura marineraOs Homes de Ferro. Crónicas do mar galego I

Os Homes de Ferro. Crónicas do mar galego I

Crónicas do mar galego. Rafael Lema e Carlos San Claudio. «Vellos Mergulladores» e » Mar do Rostro. Santa Cruz I».

Dous amantes do mar, un home do ferro e un escritor, unha libreta de notas, unha terraza en Camariñas, un paseo por Camelle, un xantar na Ponte do Porto. E van saíndo crónicas do mar levado polo tempo, recordos dos que xa non están atrapados ao voo das lembranzas do mergullador e amañadas polo escribano. Crónicas a dúas mans que falan dunha xente ferida polo vento e dun país con sal nas veas.

Imos ir sacado estas pequenas pezas, froito dun vizoso traballo creativo a dúas mans

1 – VELLOS MERGULLADORES

O cheiro a mar, algazo y ferruxe é único. E se a isto lle sumas unha escora de 30 grados, un nordés forza 3, a costa a 30 metros e unha peza de ferro máis grande co barco, cun peso de 14 toneladas colgada do puntal, «aí si que se ven os homes». Alí, collido pola cintura por Miliano, para non ir o mar debaixo da peza, estaba o Rocha cortando chapa de 18 e aguantando os zapatazos, para metela pa bordo. Facendo o burato pra o cabogancho.Marta polo outro lado abozando para aguantar e que non se mova. A veces partía o amante. Emiliano tiraba do Rocha e a peza volvía para o fondo. E volta a empezar. Cando chegaba a terra e vía presumir a algúns de valentes, sempre pensei e penso o mesmo. Esta xente non sabe o que é ser valente.

2- MAR DO ROSTRO. SANTA CRUZ 1

Neno, mete outro! Berraba meu tío aquel día no Mar do Rostro. Eu desde a auga miraba para él e dábame a risa sen que o notase, pois o meu tío tiña una hernia nun testículo, un bulto esaxerado, colgáballe por debaixo do pantalón curto, á miña vista.

O mar estaba coma un río, levabamos cargadas unhas 60 toneladas de tubería. Nunha das últimas viradas rompera o escape a altura da cuberta, pois así o montaba o Santa Cruz 1. O vello saíu da ponte e díxolle o meu tío Manolo que xa era moita carga.

E Manolo berrábame: Neno engancha outro! Ao dar volta a nave, o vento e o mar foi en aumento. Falo dos tempos nos que case era unha lotería ir ao mar. E non había os partes de agora con tres días case exactos de previsión. O que coñece esa costa sabe que o vento Suroeste é temible en Fisterra. Axiña levanta moita marexada.

O mar barría a cuberta de costado a costado. O escape roto enchíase cun metro de auga por riba e o motor facía amago de apagar. Alí estabamos Miliano e máis eu tratando de botar estachas e o que podiamos arredor del.

O Mar tiraba con todo, houbo un par de veces que case a nós tamén nos leva. O meu tío sempre acostumaba a ir no camiño de volta sentado na camareta do vello lendo o xornal, pero aquela xornada foi o único día que o vin mirando pola fiestra da ponte cara nós.

O vello enfiaba a proa ao mar todo o que podía. Nunha destas, Manolo di que o mellor é ir á praia de Mar de Fóra e tirar a carga polo mar. O vello dixo non, «se nos atravesamos imos ao fondo», e que había que seguir avante ata poder poñer a popa. E así fixo. A altura de Carnota virou en redondo, proa a Brens. Aquel día case nos come o Mar de Fisterra.

RELACIONADOS

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
- Advertisment -

MÁS NOTICIAS