viernes, enero 16, 2026
InicioCultura marineraOs homes do ferro. Crónicas do Mar Galego 5. "Os Renegados"

Os homes do ferro. Crónicas do Mar Galego 5. «Os Renegados»

«Os Renegados». Quinta crónica desta singradura de Rafael Lema e Carlos San Claudio.

Dous amantes do mar, un home do ferro e un escritor, unha libreta de notas, unha terraza en Camariñas, un paseo por Camelle, un xantar na Ponte do Porto. E van saindo crónicas do mar levado polo tempo, recordos dos que xa non están atrapados ao voo das lembranzas do mergullador e amañadas polo escribano. Crónicas a dúas mans que falan dunha xente ferida polo vento e dun país con sal nas veas. Sacamos estas pequenas pezas, tirando polo fío, froito dun vizoso traballo creativo a dúas mans

5

OS RENEGADOS

-Pai, quenes son os «renegados»?

-Mira, fillo, os renegados son os militares da Mariña que a abandonaron para traballar na civil. Nós, os mariños civís, chamámolles así para vacilalos. Pero non te preocupes, son militares da Mariña, non son mala xente.

Cando o cambio das comandancias polas capitanías foi unha mudanza para min bastante importante. Pasei de moverme entre semicuarteis, edificios históricos, con normas militares, xente uniformada (escopetas, pistolas, medallas, despachos con moita soleira mariña etc.) a oficinas que para min destacaban por insípidas, insulsas. Na da Coruña, primeiro tiñan unha sala duns 60 metros cuadrados. Moi escasa para a categoría do porto.

Despois, máis tarde, chegou o gran mamotreto que fixeron no peirao das Ánimas. Eu, co señor que estaba ao fronte non notaba nada diferente que cun Comandante de Mariña; aínda que era civil. Foi cando me dixeron un día que aquel era un dos Renegados. Enton xa comprendín. Despois empezáronse a xubilar por anticipado os administrativos e a xente que eu trataba. E chegaron outros novos, algún viña de traballar nos aeroportos, outros nas estradas, etc. Xa que agora dependían do Ministerio de Fomento e alguén debeu de pensar que sería boa idea colocar a todos estes «profesionais» nunha especie de batedora e servilos así. Acordo que había as veces unhas tensións entre eles por diferentes criterios contradictorios. Levábanse a matar, incluso sabiamos que chegaran ás mans Altos Cargos con responsabilidades contrarias e diferentes titulados, pero que debían andar xuntos.

En fin, nas comandancias de Mariña, ao meu parecer, as cousas eran máis serias; porque no meu caso e en case todo, só dependíamos da sinatura dunha persoa (o comandante). Para chegar a ese posto había que acadar unha gran experiencia como mariño, ter navegado moito; ademáis, as súas decisións non se cuestionaban e case sempre acertaba, dada a súa pericia.

Na Coruña ao comezo tivemos sorte porque destinaron a un Renegado. Podo dar fe que incluso melloraron moito as xestións das que dependiamos deles. Pero os expedientes de Extracción -polo pouco movemento e porque non interesaban- deixáronllos para os militares de Mariña. Estes, xa moi apartados de todo, tampouco facían moito por nós. Pois, a quen lle importan os Chatarreiros? Ademáis, as Autorizacións xa non dependían da sinatura do comandante senón de Madrid, tiña que firmalas o Excelentísimo Señor Almirante Jefe de la Armada Española. Imaxinade o retraso. Unha vez, cabreado pola situación do permiso dun pecio que caducara (caducan ao ano), e canso das explicacións ás patrulleiras da Garda Civil -que tamén empezaban a operar e pasaban canda nós día sí e día non- fun á Comandancia a ver que pasaba coa renovación.

E o Señor Comandante de Mariña despachoume cun «Vaya usted a pedir que le resuelvan esto los de Marina Civil, que igual que nos quitaron todo también se lleven esto». Cousa que fixen. Podo asegurar pola nosa parte que o Capitán Marítimo don Ángel del Real tivo con nós e creo que con toda a comunidade marítima un trato exemplar. Así quedou para a Historia reflectido na despedida que lle dou toda a Xente do Mar da provincia ao «Renegado».

RELACIONADOS

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
- Advertisment -

MÁS NOTICIAS