Crónica dos homes do Ferro. Episodio 9
O Michel era un mercante que saíndo de Cedeira foi pegar inexplicablemente debaixo do santuario de San Adrián en Malpica (mercante holandés, cargou madeira en Cedeira, 11-6-1995). Eu andaba de «jarana» pola Coruña. Non pertencía daquela ao rol do meu tío. Este, con outros socios, comprara un buque para xestionar os Marpol da Coruña.
Pois ben, chego a casa e dime miña nai que tío Manolo estivera chamando por min todo o día, para ver se lles podía botar unha man nun salvamento (non había móbiles). Eu chamo a miña tía preguntando onde era o naufraxio e dime «en Malpica». E para alá saio, sobre as doce da noite. Ao chegar, encontro a incrible estampa daquel barco metido nas pedras, de proa; co remolcador Ría de Vigo por fóra manobrando, a Barbanza da Xunta. (Entre os medios que axudaron estaban o Alonso de Chaves, Eidos, Salvamar Torre de Hércules).
E no costado do Michel, o Gerion do meu tío e os seus compañeiros. Baixo polo monte, a berros chamo a un mariñeiro do Michel e dígolle que vaia cabo do Gerion para avisarlles da miña chegada. O mariñeiro vai, e ven co recado do socio de meu tío Manolo, Loureda. Seica xa non fago falta, que están ben amarrados e que marche. Eu, coñecendo estes traballos, o qué está en xogo e que nunca sobran mans, decido subir ao Michel para falar co meu tío. Sabía que non lle dixeran nada de min.

Ademáis, cedo ía amencer e quería ver o reflote do barco. Vou ao coche polo traxe e paso nadando ao Michel, subindo por unha escala de gato. Chego onda meu tío, a actividade era frenética. Estaban bombeando o gasoil do Michel ao Gerion cunhas bombas na cuberta. A bordo do Michel vin outro socio do tío Manolo, Pedro Gea, abrindo tanques. No Gerion, Manolo coa súa famosa funda branca chea de gasoil ata as orellas. Na ponte, o Loureda dando ordes a Amadeo, o capitán. E nas máquinas, o motorista. O nordés ía en aumento. Alí pega moito, cousa seria cando pasa a Forza 2; pero xa chegaba a cerca de Forza 4.
O Gerion campaneaba fondeado coas dúas áncoras e apoiado contra o Michel. De repente, noto que o Gerion retrocede. Alguén berra que romperan as áncoras. Manolo Loureda salta á ponte e dalle a toda máquina, a tope. As bombas empezan a guindar pola borda, pásame a min unha, aínda amarrada ao Michel, polo lado que case me mata. Se imos avante, estamos salvados. Para o motor. Escoito outra voz: o maquinista sae a cuberta coas mans na cabeza preguntando que pasara. Eu asomo pola borda e vexo como unha gran cobra branca que sae debaixo nosa.
Que é? A estacha do Alonso de Chaves largada, preparada para tirar pola mañá. Imos as pedras! Na cuberta do Michel xa estaba Pedro Gea algareado vendo como íamos á terra. Analizo o asunto. Estariamos a cen metros do Michel. Guíndome ao mar (tiña o traxe posto), nado cara o Michel, berrando a Pedro Gea que me lance axiña unha sisga. Así o fai. O Gerion viña detrás de min empurrado polo nordés. Volvo nadando coa sisga ao Gerion. Amadeo bótame un cabo. Amarro a sisga. Tiran do Michel cunha «maquinilla». O Gerion abarloa cara o costado contrario de onde estaba. «Salvados». Quedamos a vinte metros de tocar terra en San Adrián. Chega a zodiac de Salvamento Marítimo a ver que pasaba. Ven a estacha na hélice do Gerion e levan as mans á cabeza. Meu tío dime que pegue unha ollada. Mentres, van pola botella que tiña no coche. Meto a cabeza debaixo da popa cunhas gafas que por alí atopei. O motor, que era duns 500 CV e ía a todo gas, collera con moita forza a estacha. O Gerion, coa popa ao mar, levantaba case o eixo de fóra co vento que había.
Pido unha serra para cortar a estacha. Salta Loureda que non, que a estacha vale moitísimos millóns. Era certo. Eu contesto que se o que quere é perder o barco e causar eles a contaminación (tiñamos unhas 300 toneladas de gasoil do Michel a bordo). Meu tío Manolo non di nada. Estaba transtornado polo suceso e o que pasou en poucos minutos…

Chega a botella, Loureda prega: «por Dios, no cortes la estacha». Mergúllome. As veces, agarrado o eixo, saía fóra da auga. Se me soltaba, golpeaba coa cabeza no casco. A zodiac de Salvamento alumeaba. Así fun pasando unha a unha as voltas da estacha. Entre o codastre e a pala. Tiña que mover tamén o cigueñal dese motor a man, para afrouxar a estacha. Despois diso, pasei unha semana que non podía cos brazos. A estacha milagrosamente estaba intacta. Os do Alonso de Chaves revisárona meticulosamente. E tampouco saían do seu asombro.
Ao día siguinte, o Michel flotou. Eu cheguei no Gerion á Coruña co traxe de ra posto. Nunca me pagaron ese traballo. Aínda peor, co tempo Pedro Gea perxudicoume por catro patacóns que quería gañar noutro asunto. Aquel día salveilles da ruína. No fondo, todos o sabían; pero, pasou o día pasou a romaría. A romaría en San Adrián (precioso santuario).
Nota- Marpol: xestión de residuos xenerados por buques, a Autoridade Portuaria conta con empresas autorizadas para recepción e tratamento.
MICHEL.11-6-1995. Lugar: Entre San Adrián e Seaia, Malpica. Mercante que carga 1500 tn madeira en Cedeira para Portugal. Desviado da ruta choca en San Adrián de Malpica, abrindo vía de auga na amura de babor. Ao parecer o capitán resbalou e quedou incosciente, mentras dormían os 4 mariñeiros do rol. As autoridades non cren a versión del capitán, seica ía borracho. é dubidoso que no mercante só vaian 5 homes, polo que pode ter sido un naufraxio provocado. Nacionalidade: Holandesa. Reflotado.
