A chef Lucía Freitas e a conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña, serán nomeadas este sábado Embaixadoras dos Peixes e Mariscos de Laxe, nun acto previsto para as 13.00 horas no Museo do Mar de Laxe, no marco das V Xornadas de Pesca Artesanal ‘No Mar da Lonxa de Laxe’. Ambas toman así o relevo do presentador Arturo Fernández e do chef Iván Domínguez, nomeados embaixadores na anterior edición das xornadas.
A cofradía optou este ano por recoñecer a dúas mulleres, coa intención de destacar a influencia feminina no sector mariñeiro de Laxe. Sobre Villaverde, a entidade sinala que «xogou un papel fundamental na creación das Xornadas de Pesca Artesanal» e que «nos animou a sacar adiante esta iniciativa dende a primeira edición, sendo subdirectora de mercados», unha colaboración que continuou nos anos seguintes como directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e, posteriormente, como conselleira.
Respecto a Freitas, a cofradía destaca «o cariño e aprecio» co que a chef fala dende hai anos da lonxa e do produto local, ao que se achegou «moito antes de conseguir a súa Estrella Michelin«.

O nomeamento das novas embaixadoras é unha das citas dunha fin de semana con varias actividades en Laxe. O venres 7 de agosto terá lugar a III Xornada de Degustación de Navalla-Longueirón da Lonxa de Laxe, coa carpa da Praza Ramón Juega como escenario dun obradoiro infantil de ciencia mariña ás 20.00 horas e o reparto gratuíto de racións de navalla-longueirón ás 21.00 horas.
O sábado 8, xa dentro das V Xornadas de Pesca Artesanal, haberá un obradoiro infantil de cociña ás 10.30 horas a cargo de Miguel Mosteiro e un showcooking para adultos ás 12.00 horas, antes do acto de nomeamento das embaixadoras. Pola tarde, Freitas ofrecerá un novo obradoiro infantil ás 18.00 horas e un showcooking ás 19.30 horas, e a xornada pechará ás 22.00 horas cunha degustación popular de arroz con peixe e marisco, a 5 euros a ración.
O domingo 9, a Festa Gastronómica dos Peixes e Mariscos da Lonxa de Laxe pechará a fin de semana, cunha oferta a partir das 13.00 horas de racións de navalla-longueirón, croquetas de pulpo e peixe frito, a 6 euros cada unha
