O brexit podería botar a barcos galegos fora de caladoiros onde levan pescando desde fai séculos, pero a loita pola defensa dos nosos dereitos de pesca veñen de vello e convén recordar o traballo, esforzo físico e económico, dun nobre galego que fai catrocentos anos tivo que trafegar noutras duras negociacións en Londres, nese caso satisfactorias para os nosos intereses.
Diego Sarmiento de Acuña
Don Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar, foi un gran militar, político e diplomático galego. Desde 1613 exerceu de embaixador de España en Inglaterra, un cometido cheo de dificultade pois os dous países mantiñan moitos conflitos que desembocaron en guerra aberta, na ruptura de relacións diplomáticas. A tarefa de normalizar as relacións recaeu no político pontevedrés, señor de Gondomar, militar, e logo nomeado conde polo rei polos seus servizos.
Un aspecto pouco coñecido da súa actividade é a defensa dos nosos pescadores cando foron expulsados de caladoiros ancestrais polos ingleses. Gondomar logrou, tras longas xestións, un gran éxito a favor dos pescadores vascos, pero tamén dos galegos e cántabros, pois nesta costeira as bases galegas dos vascos fon sempre moi importantes, conseguindo que os nosos pescadores tiveran acceso á pesca de baleas nos mares boreais, uns bancos usurpados polos ingleses.
Nunha carta do 16-11-1613 da conta o embaixador a Felipe III que os baixeis e zabras vascas foran expulsados polos ingleses das augas de Grenlandia cando andaban ás baleas. Noutra misiva do 25-1-1614 volve dar conta ao rei da pesca polos ingleses de 130 baleas cunha ganancia para a compañía explotadora duns 170.000 ducados. Tamén informa da disposición de 15 navíos armados ingleses para a protección dos seus pesqueiros. Vascos, galegos e cántabros cazaban baleas en Grenlandia, e nas costas dos Bacalaos, desde principios do século XVI, pero estas faenas as veces eran causa de enfrontamentos armados con franceses e ingleses.
Expedición de Esteban Gómez
Recordemos que foi unha expedición coruñesa, a de Esteban Gómez, a que no 1526 por vez primeira recorre toda a costa este dos actuais EEUU desde Terranova a Florida. Dez anos antes xa había galegos pescando baleas en Terranova. O coruñés nacionalizado Esteban Gómez tamén estivo nas Malvinas cinco séculos antes das disputas pesqueiras actuais, antes que ningún europeo.
Tras múltiples xestións, andando tras dos gabinetes de Cecil e Walsingham e do mesmo rei Xacobe I por Windsor e Whitehall o tesón do conde consegue as licenzas solicitadas e así llo comunica ao comisionado dos homes do mar Juan de Arbeláiz, chegado desde San Sebastián a Londres na procura de boas novas.
Loita contra a piratería e defensa das Indias
O conde que resolveu outras moitas disputas, onde non foi menor a loita contra a piratería e a defensa das Indias españolas contra as incursións infieis. Mantiña unha trama de clientes para lograr favores e información entre privados e, usando moitas veces aos xesuítas aos que favoreceu e librou do cárcere e da picota, e espías que lle mantiñan informado do trafego dos portos, da vida mercantil e incluso dunha sorte de espionaxe industrial.
Para todos estes labores o conde tivo que empeñar o seu poderoso patrimonio, xa que os reis pagaban tarde, mal ou non pagaban, e así da fe no seu testamento do mal estado das súas contas tras toda unha vida adicada ao servizo da súa patria. Recordemos que Galicia debe ao conde, ademais dun tempo de paz nas nosas costas e para os nosos mercadores, o voto en cortes sen delegación.