78 quilos de centola, 22 de nécora e preto de 10 de lumbrigante foi o resultado dun operativo desenolvido por axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia no concello de Camariñas.
Nos controis realizados nos pantaláns de Santa Mariña, Arou, Camelle e Camariñas os efectivos do ente autonómico localizaron máis de cen quilos de marisco que estaban fondeados en cinco salabardos sen identificar, polo que tampouco se identificou a ningunha persoa como responsable da súa captura.
Tanto a nécora como o lumbrigante están en veda. Os exemplares de centola e lumbrigante eran femias e estaban ovados, o que supón un incumprimento da Lei de Pesca de Galicia, que establece que a captura de especies ovadas ou de talle ou peso inferior ao establecido non está permitida.
As especies comisadas estaban vivas, polo que os axentes procederon a devolvelas ao seu hábitat natural mediante unha solta en mar aberto.