Un mariscador perdeu a vida esta mañá en Laxe despois de caer ao mar nas proximidades da Pedra do Boi.
Foi un membro da Confraría de Laxe quen contactou co 112 Galicia para solicitar medios de rescate, pasadas as 11:00 horas. Indicaba no seu relato que uns compañeiros do mariscador o perderan de vista nos arredores do Cabo de Laxe.
Axiña, o persoal de Emerxencias 112 Galicia solicitou a intervención de Salvamento Marítimo, que mobilizou un helicóptero e unha embarcación ata a zona. Ademais, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Gardacostas de Galicia, de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes Garda Civil e da Policía Local e dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Laxe.
Segundo a información recollida no 112 Galicia a través do persoal de Salvamento Marítimo, unha vez recuperado o corpo sen vida do mariscador, foi trasladado ata o peirao da localidade nunha embarcación da Cruz Vermella.
Texto- AXEGA 112- FOTO-RADIO GALEGA