lunes, agosto 15, 2022
InicioNoticiasGalicia de loito

Galicia de loito

Tres días de loito en Galicia pola traxedia do Villa de Pitanxo.

Esta foi a declaración lida polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo

 

Galicia é unha gran familia. E cando unha familia é golpeada por un acontecemento tráxico, únese na dor para atopar un consolo que non sempre é doado.

Vense de producir nas augas de Terranova unha das peores traxedias marítimas dos últimos tempos co afundimento do Villa de Pitanxo.

Somos unha Comunidade Autónoma marcada por sucesos lutuosos relacionados co mundo do mar. A nosa historia está ferida por datas dramáticas tristemente protagonizadas polos nosos mariñeiros.

Ben sabemos que o traballo no mar é duro, perigoso e moitas veces cruel, pero ninguén está emocionalmente preparado para recibir unha noticia tan conmovedora.

Nestes momentos en que toda Galicia e dunha forma especial a comarca de O Morrazo está sobrecollida pola perda de familiares, seres queridos e achegados, a obriga da Xunta de Galicia é facerse portavoz de todos os galegos.

Todos quixeran estar preto das familias, fundirse con elas nunha aperta e ofrecerlles un apoio que axude a paliar o sufrimento.

Facéndose intérprete do sentir do pobo galego, a Xunta de Galicia quere expresarlles que non están nin estarán estes días sen amparo e que nestes días de fondo desacougo o Goberno de Galicia, todas as institucións e todo o pobo galego estará con eles.

Aínda que lamentablemente pouco se pode facer e dicir ante o ocorrido, ante a morte confirmada e, o que é aínda peor, ante a incerteza dos desaparecidos.

En efecto, cando ocorre unha traxedia coma esta, as palabras semellan insuficientes e limitadas. Sen embargo son imprescindibles para expresar o que se sinte.

Son a mellor ferramenta da que dispoñemos para intentar paliar a inmensa dor que provoca o adeus dun ser querido. Trasládoa no nome dos galegos, do Goberno, e de todas as institucións que se dirixiron a nós nas últimas horas, comezando pola súa Maxestade El Rei.

Ademais de transmitir a intensa solidariedade de todos os galegos, a Xunta de Galicia prestará todo tipo de axuda, especialmente psicolóxica, asistencial e sanitaria, e tamén toda a información da que dispoñamos ás familias afectadas e vén de decretar tres días de loito na nosa comunidade.

Lembraremos así aos que perderon a vida no mar, e así mesmo renderemos tributo á gran comunidade mariñeira que nos ofrece acotío o exemplo insuperable do seu traballo e sacrificio máximo.

A gran familia que é Galicia chora aos seus fillos. É tempo de incorporalos á nosa memoria para que a súa traxedia non se esqueza. E de acompañar aos que perderon aos seus para que non se sentan desamparados na dor que lamentablemente ninguén lle pode quitar.

RELACIONADOS

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

- Advertisment -

MÁS NOTICIAS