viernes, marzo 29, 2024
InicioNoticiasEleccións nas confrarías de pescadores de Galicia

Eleccións nas confrarías de pescadores de Galicia

As confrarías de pescadores de Galicia acollen mañá a celebración dos terceiros comicios unificados -tralos de 2014 e 2018- para a renovación dos seus órganos reitores. Todas as mesas electorais abrirán ás 10,00 horas para iniciar as votacións das que sairán os representantes para os vindeiros catro anos dunhas entidades que agrupan a preto de 11.200 profesionais do mar.

A maioría das entidades celebrarán as votacións en horario de 10,00 a 14,00 horas e só sete delas contarán cun período máis amplo para exercer o dereito a voto. Son as de Carril e Pontevedra (que manterán aberta a mesa electoral de 10,00 a 16,00 horas), as do Grove, Noia e Vilanova (de 10,00 a 17,00 horas) e as de Cambados e A Illa de Arousa, que votarán de 10,00 a 18,00 horas.

En Fisterra e Porto do Son non haberá eleccións

Mentres, nas confrarías de Fisterra e Porto do Son non haberá eleccións pois as candidaturas presentadas coinciden co número de vogais da xunta xeral, co que todos os candidatos foron proclamados e xa non é preciso celebrar votacións. Polo mesmo motivo, en 18 confrarías só haberá comicios parciais -no colectivo de traballadores ou no de empresarios- pois nalgún deles as candidaturas coinciden co número de vogalías, co cal os candidatos xa foron proclamados como vogais.

As entidades nas que só haberá votacións no colectivo de traballadores son Ares-Redes, Caión, Foz, Mera, Miño, Palmeira, O Pindo, Rianxo, Ribadeo, Vilaboa e Vilaxoán. Mentres, as eleccións serán unicamente no colectivo de empresarios nas confrarías de Bueu, Carreira-Aguiño, Celeiro, Moaña, Portosín, Sanxenxo e Vigo.

Os comicios

Unha vez electos os vogais da xunta xeral, tomarán posesión dos seus cargos na sesión constitutiva, que debe celebrarse na sede da confraría no prazo máximo de cinco días desde a súa proclamación definitiva, que será o 9 de novembro. Nese primeiro pleno da sesión constitutiva da xunta xeral iniciarase o procedemento para elixir a patroa ou patrón maior, as vicepatroas ou vicepatróns e os vogais do cabido.

Os membros da xunta xeral elixirán por maioría simple en primeira volta á patroa ou patrón maior entre os candidatos. En caso de empate, repetiranse as votacións en segunda volta e, de manterse o empate, resolverase a favor do de maior antigüidade na confraría. Se aínda así persistise o empate, resolveríase a favor do de maior idade.

No mesmo acto e xusto a continuación, a xunta xeral elixirá de entre os seus membros as vicepatroas e vicepatróns primeiro e segundo e os vogais do cabido, respectando a paridade e proporcionalidade que se estableceu para a xunta xeral.

A resolución pola que se convocan estas terceiras eleccións unificadas ás confrarías de pescadores de Galicia saíu publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 5 de setembro. De acordo coa normativa de aplicación, os comicios desenvólvense en tres fases. En primeiro lugar realízanse as eleccións nas distintas confrarías de Galicia, despois celebraranse as votacións nas tres federacións provinciais -A Coruña, Lugo e Pontevedra- e finalmente elixirase ao presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

Fonte – Xunta de Galicia

RELACIONADOS

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
- Advertisment -

MÁS NOTICIAS