A Xunta de Galicia, a través de Portos de Galicia vai investir este ano arredor de 3 millóns de euros na renovación do alumeado de preto dunha trintena de portos autonómicos.
As actuacións permitirán instalar novos equipamentos, luminarias e proxectores con tecnoloxía LED e software de telecontrol co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e as condicións de iluminación das contornas portuarias reducindo o máximo posible a contaminación luminosa.
Beneficiarán a tres portos da provincia de Lugo, (Ribadeo, Burela e Viveiro-Celeiro), catorce da provincia da Coruña (Cariño, Cedeira, Sada, Malpica, Laxe, Fisterra, Cee, Muros, Portosín, Aguiño, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Cabo de Cruz e Rianxo) e a nove da zona sur: Vilanova de Arousa, O Xufre-A Illa de Arousa, Tragove (Cambados), O Grove, Portonovo, Combarro, Bueu, Cangas e Moaña.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo este anuncio nunha visita a localidade de Muros.
A representante do Executivo galego salientou que se instalará tecnoloxía LED con equipamentos de altas prestacións deseñados especialmente para traballar en espazos portuarios pola súa resistencia en ambientes mariños e condicións meteorolóxicas adversas. Ademais, incrementarase a protección fronte a posibles sobretensións e implantarase unha capa tecnolóxica para o telecontrol da iluminación.