O salón de plenos do concello de Fisterra, acolleu a presentación do libro “A salga no fin do camiño. As fábricas de Fisterra”, editado por Andavira editora e da autoría de Santiago Llovo Taboada.
O acto contou coa presenza do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, que louvou o traballo de Llovo para afondar nas orixes da actividade industrial marítimo-pesqueira dos distintos puntos do litoral de Galicia.
A traxectoria de Santiago Llovo
Basanta destacou a prolífica traxectoria de Santiago Llovo neste eido e o seu rigor documental, recorrendo en todas as súas obras a fontes de información moi diversas, algunhas delas incluso inéditas, que permanecían agochadas nos arquivos públicos.
Nesta liña, o director xeral animou ao autor a continuar con ese gran labor de recompilación pois concorda co compromiso da Xunta coa preservación do patrimonio marítimo-pesqueiro galego, que se materializa no Plan da Cultura Marítima de Galicia-Horizonte 2030.
Acompañaron a Basanta e a Llovo a alcaldesa Áurea Domínguez Sisto, e a editora Lucila Ventoso. Tamén asistiu a deputada estatal e exconselleira do Mar, Rosa Quintana e membros da corporación municipal de Fisterra.
«A salga no fin do camiño»
Como se indica no libro, “A salga no fin do camiño. As fábricas de Fisterra”, é unha viaxe a través do tempo na que se lle pon nome e apelidos a cada unha das pedras relacionadas coa etnografía industrial do salgado de peixe que houbo e permanecen espalladas pola beiramar deste concello.