O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que insta á Xunta a continuar impulsando iniciativas dirixidas a incentivar o consumo de produtos do mar, ben a través de campañas de promoción dirixidas a todos os segmentos da poboación ou con axudas á cadea mar-industria, nomeadamente un PERTE específico para facilitar a adaptación dos produtos ás demandas da cidadanía e ás novas necesidades do mercado.
Piden unha rectificación ao goberno de Pedro Sánchez
Por último, tamén se pide ao Goberno central que rectifique a súa posición actual e non exclúa aos peixes, mariscos e conservas da rebaixa do peixe do IVE que se aplica a outros alimentos básicos.
Foi a deputada camariñana Paula Mouzo Mas a encargada de defender a proposta dos populares, que lamentou o posicionamento do goberno de Pedro Sánchez: “Na análise das causas que poden estar detrás deste descenso no consumo de produtos do mar, un factor determinante foi a inacción e a falta de apoios a este sector por parte do Goberno que preside Pedro Sánchez, porque fixo oídos xordos ás demandas que desde Galicia e desde o propio sector pesqueiro reclamaban que non se excluíse aos peixes, mariscos e conservas da rebaixa do IVE”, sinalou.
Apoio da Xunta ao sector
En cambio a parlamentaria da Costa da Morte destacou que a Xunta “leva moitos anos facendo os deberes no eido da promoción e do apoio á cadea mar-industria”, ao tempo que lamentou que “o Goberno de Pedro Sánchez non está a realizar coa intensidade necesaria campañas de promoción do consumo de produtos do mar e de difusión dos seus beneficios para a saúde”.
“A liña de traballo a seguir debe ser a promoción polo Goberno galego con campañas de promoción, institucionais e do sector, dirixidas a diferentes segmentos de poboación, como Galicia sabe Amar ou Vai de Peixe, ou a celebración de foros para dar a coñecer os beneficios do consumo de peixe na saúde e para o conxunto da economía”, explicou Mouzo.