A deputada autonómica Paula Mouzo Mas mantivo un encontro con representantes da confraría de Camelle, no concello de Camariñas, para coñecer as demandas da entidade e tamén falar sobre os investimentos previstos pola Xunta de Galicia.
A xuntanza encádrase nos encontros que está a manter a deputada da Costa da Morte con diferentes entidades que comezaron polo sector pesqueiro con reunións en Corcubión e Camariñas.
Agradeceu a atención do patrón maior de Camelle, Xosé Xoán Bermúdez e dos membros da confraría.
«É fundamental escoitar as inquedanzas do sector do mar para poder trasladar propostas que vaian en consonancia coas necesidades reais das xentes do mar e do marisqueo» manifestou Mouzo.
Recentemente, Mouzo Mas trasladou a Portos de Galicia a súa preocupación polos problemas no alumeado na zona portuaria desta localidade, que xa foron solucionados.
A Xunta destina 350.000 euros para a dragaxe do porto de Camelle, cuxa licitación está prevista para o 2024. Neste 2023 levouse a cabo a renovación do firme do porto e a renovación dos amarres e defensas no peirao de Camelle por un importe total de case 200.000 euros.
