A Deputación dedica este ano 650.000 euros a apoiar ás confrarías e ás agrupacións marisqueiras. Ademais dos 500.000 euros destinados a subvencionar a actividade dos pósitos, habilítanse 150.000 máis para o desenvolvemento de festas de exaltación dos produtos pesqueiros, atendendo ás solicitudes do sector
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, visitou Ponteceso e Malpica no marco das xuntanzas que está a manter con distintos representantes dos sectores do mar nos municipios da provincia, e onde falou desta convocatoria de axudas.
Nesta ocasión, reuniuse co patrón maior de Corme, José Francisco Carabel Mosqueira, co que percorreu as instalacións da confraría. Ademais, mantivo un encontro co secretario da confraría de Malpica, Francisco Javier Varela Castro, co que asistiu á poxa de tarde na lonxa.
Cristina Capelán lembrou tamén que a Confraría de Corme se beneficiou na convocatoria do 2023 dunha subvención por valor de 11.600 euros para o fomento da actividade pesqueira e marisqueira na localidade e que a de Malpica obtivo unha axuda de 19.000 euros destinados á mellora da comercialización de produtos pesqueiros de difícil saída comercial.