O deputado Oscar Insua demandou no Parlamento incluír nos orzamentos do vindeiro ano unha partida con dotación suficiente para licitar e iniciar a execución das obras do Porto Mixto de Corcubión no ano 2025. A proposta do BNG foi rexeitada polo PP.
Asegura que se trata dunha actuación que aumentaría a seguridade das embarcacións e fomentaría o turismo náutico.

Porto Mixto de Corcubión: «Demanda histórica, nunca atendida»
“Esta demanda histórica nunca foi atendida, a pesar das promesas reiterativas que vimos escoitando hai xa anos dende a consellería, polo que hai que rematar con esta burla, con esta farsa, con esta tomadura de pelo do Partido Popular” denunciou o deputado.
Sinalou que trátase dunha demanda do concello de Corcubión, Confraría de Pescadores, Club Marítimo Carrumeiro ou POLA «Plataforma Porto si, mortos non». Cualifica de «ridícula» a partida dos orzamentos de 2024 e critica que a Xunta «non prevee dotar ningunha partida para levar a cabo este proxecto nos vindeiros orzamentos de 2025»
Oscar Insua salientou que o informe de impacto ambiental conclúe que “é necesario que o proxecto de Portos de Galicia se someta a avaliación ambiental ordinaria”, polo que volven a adiarse os prazos para que o porto mixto en Corcubión sexa unha realidade por iso “é necesario axilizar e apurar os prazos, porque os efectos adversos significativos xa están identificados no Informe de Impacto ambiental publicado en marzo”.
Insua fixo referencia á visita do conselleiro do Mar a Corcubión no mesmo día: “O PP non ten nin un pinga de vergoña de mandar hoxe ao conselleiro do mar a Corcubión a repartir cría de ameixa, para tapar mediaticamente a aldraxe de votar en contra no parlamento do porto mixto de Corcubión. Unha nova tomadura de pelo que todo o mundo debe saber”.

O PP defende a tramitación
O PP rexeitou a proposta do BNG. O deputado Manuel Santos defendeu a tramitación “escrupulosa coas garantías ambientais e o rigor técnico” que a Xunta está a facer do proxecto de construción do porto mixto en Corcubión e criticou que o BNG “non queira cumprir con todos os trámites necesarios e solicite que a Xunta inclúa nos orzamentos do vindeiro ano unha partida orzamentaria para esta obra”.
Santos indicou que o proxecto do Porto Mixto inclúe un dique de abrigo de 282 metros en dúas aliñacións e a dotación dunha explanada, varadoiro e foso travel lift. En total, crearanse 194 prazas de amarre, cun orzamento total do proxecto de 10 millóns de euros, aproximadamente.
O deputado popular lamentou que a tramitación ambiental deste proxecto “non se puidera levar adiante de forma simplificada polos posibles efectos adversos sobre o medio ambiente, o que supuxo un retraso condicionado polo tempo que tardan en obterse os documentos necesarios para iniciar a tramitación ordinaria”.
“A día de hoxe, Portos de Galicia está a traballar na elaboración do estudo de impacto ambiental, que posteriormente deberá someterse a información pública e a unha análise técnica polo órgano ambiental da Xunta de Galicia para a formulación da declaración de impacto ambiental”, explicou Manuel Santos.
“Hai que ser realistas e coherentes e ter presente o tempo que leva unha tramitación ambiental deste tipo, polo que non vai ser posible que o vindeiro ano estean en execución as obras deste porto mixto”, sinalou o deputado popular.
