O Bloque Nacionalista Galego (BNG) organizará o próximo sábado 18 de outubro de 2025 na Costa da Morte unha xornada centrada no presente e futuro do mar na comarca. O evento terá lugar no salón do Bitácora, no Ézaro-Dumbría, e contará coa presenza de destacados representantes do sector pesqueiro e expertos científicos.
Apertura con Bieito Lobeira e Rosana Pérez
A apertura da xornada estará a cargo de Bieito Lobeira, membro da Executiva do BNG; Xurxo Rodríguez Baña, responsable comarcal do BNG; e Rosana Pérez, deputada de Mar do BNG no Parlamento Galego.
A primeira mesa analizará a problemática xeral do sector pesca na Costa da Morte coa participación de Joaquín Fábregas, patrón maior da Confraría de Fisterra; Ángel Vázquez, patrón de embarcación do cerco de Camariñas; Jaime M. Marcote, patrón de embarcación do palangre de Fisterra; e José Manuel Caamaño, patrón de embarcación de artes menores de Lira.

Diferentes palestras no Ézaro
A continuación, un segundo bloque centrado nos recursos específicos da zona contará coa presenza de Xosé Xoán Bermúdez, patrón maior da Confraría de Camelle; Jacqueline Lista, mariscadora e presidenta da Asociación de Mariscadoras de Camariñas; Santiago Pérez, percebeiro e presidente da asociación “Percebe da Barca” de Muxía; e Jacobo Louzán, mergullador da navalla e recolector de ourizos de Fisterra.
Para pechar, unha mesa de propostas do sector incluirá a Francisco Javier Varela Castro, secretario da Confraría de Malpica; Pablo Pita, investigador do CICA da Universidade da Coruña; Primitivo Pedrosa, presidente de artes menores da Confraría de Muros; e Javier García Galdo, biólogo mariño e director técnico dunha empresa do sector.
Estas xornadas poñen o foco na análise técnica e na colaboración entre profesionais e institucións para garantir a vida sostible do mar e das actividades económicas que dependen del na Costa da Morte.
