domingo, abril 12, 2026
InicioNoticiasA Xunta destina 22,7 millóns á recuperación de bancos marisqueiros

A Xunta destina 22,7 millóns á recuperación de bancos marisqueiros

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello autorizou un investimento de 22,7 millóns de euros destinado a medidas de recuperación e rexeneración dos bancos marisqueiros afectados polos temporais das últimas semanas, que provocaron episodios de baixa salinidade e mortaldade de moluscos bivalvos nas rías galegas.

Segundo explicou, a principal partida, de 19,2 millóns de euros, destinarase a convenios de colaboración coas confrarías e entidades xestoras dos plans de marisqueo, co obxectivo de restaurar hábitats e zonas de produción mediante tarefas como sementeiras, limpeza, acondicionamento do substrato ou control de depredadores.

Unha resposta integral

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, indicou que se trata de ofrecer “unha resposta integral” con medidas “económicas, sociais e medio ambientais” e subliñou que non se buscan “remedios puntuais”, senón actuacións coordinadas co sector.

Os convenios incluirán plans de recuperación específicos elaborados polas propias confrarías, que deberán ser validados polos técnicos da Consellería. A súa sinatura permitirá a remuneración dos traballos realizados polas persoas mariscadoras, con carácter retroactivo desde a suspensión da actividade extractiva.

Ademais, o plan contempla 1,5 millóns de euros para a repoboación de especies e 2 millóns para proxectos de conservación e restauración da biodiversidade mariña.

O informe presentado tamén recolle a posibilidade de suspender temporalmente a actividade nas zonas con maior afectación para favorecer a recuperación dos bancos, así como a prórroga dos plans de xestión ata 2029.

Villaverde sinalou que os temporais provocaron descensos de salinidade por debaixo dos niveis habituais, chegando nalgúns casos a valores próximos a cero, o que afectou de forma significativa ao marisco.

RELACIONADOS

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
- Advertisment -

MÁS NOTICIAS