A Deputación da Coruña concedeu unha axuda de 12.000 euros á Confraría de Pescadores de Malpica para financiar o proxecto “Cerco Sostible 4.0”, unha iniciativa destinada á modernización da lonxa de Malpica e á mellora das condicións de traballo no sector pesqueiro.
Segundo informou a institución provincial, a subvención foi publicada no Boletín Oficial da Provincia e permitirá adquirir unha carretilla elevadora eléctrica e unha transpaleta manual inoxidable para optimizar os procesos de descarga, traslado, almacenamento e expedición do peixe e do marisco.
O proxecto busca incrementar a eficiencia e seguridade das operacións diarias na lonxa, considerada unha infraestrutura clave para a actividade do cerco na Costa da Morte e para outras campañas pesqueiras e marisqueiras como o percebe, o ourizo ou o polbo.
Carretilla eléctrica e transpaleta inoxidable
A nova carretilla eléctrica permitirá reducir emisións e custos de combustible, ademais de mellorar a calidade do aire nas instalacións e facilitar o movemento de cargas pesadas con maiores garantías de seguridade. Pola súa banda, a transpaleta inoxidable está deseñada para o seu uso en ambientes mariños, cunha maior resistencia á corrosión e mellores condicións hixiénicas.
A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, destacou que este tipo de investimentos contribúen á redución dos riscos laborais e á mellora da competitividade das lonxas galegas.
A actuación enmárcase tamén no contexto de recuperación da actividade do cerco, no que a confraría considera necesario contar con medios modernos para evitar demoras nos períodos de maior volume de capturas e garantir a conservación do produto nas mellores condicións de frescura e calidade.

