A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, reclamou este martes ao Goberno central a aprobación “inmediata” da exención de cotas á Seguridade Social para as mariscadoras galegas afectadas pola crise do sector, así como o mantemento da alta laboral e dos dereitos de cotización.
Durante a sesión de control ao Executivo no Senado, a parlamentaria nacionalista dirixiuse á ministra de Seguridade Social, Elma Saiz, para demandar unha resposta urxente ante a situación que atravesan máis de 3.000 traballadoras do mar en Galicia.
Segundo indicou, a actividade marisqueira permanece practicamente paralizada pola elevada mortaldade de bivalvos provocada polos sucesivos temporais, unha circunstancia que deixou “milleiros de traballadoras sen ingresos”.
«As mariscadoras non poden esperar máis»
“As mariscadoras galegas non poden esperar máis. Necesitan certezas, non anuncios de futuras emendas nin promesas sen prazos nin garantías”, afirmou Da Silva, quen pediu concretar “cando e como” se aplicará a suspensión das cotas.
A representante do BNG defendeu que a medida se aprobe mediante acordo do Consello de Ministros e Ministras e que sexa publicada no BOE con efectos retroactivos, sen depender de tramitacións parlamentarias que, segundo sostivo, continúan demorándose.
Na súa intervención, a senadora tamén reclamou garantías laborais para o colectivo durante o período de inactividade forzosa. “Son mulleres bravas e traballadoras que merecen respecto. Traballan en condicións durísimas e só exixen o que é de xustiza”, sinalou.
O BNG advertiu ademais de que o Executivo estatal debe actuar ante unha crise “sen precedentes” no marisqueo galego e asegurou que a prioridade pasa por garantir a protección social e laboral das traballadoras mentres dure a paralización da actividade.

