O secretario de Pesca do PSdeG Provincial da Coruña e voceiro socialista en Malpica de Bergantiños, Walter Pardo, remitiu unha carta ao ministro de Pesca, Luis Planas, para reclamar unha revisión do sistema de reparto das cotas de sardiña na flota do cerco.
Pardo traslada no escrito a preocupación existente en Galicia e advirte de que hai armadores que esgotaron a cota asignada e non poden seguir pescando sardiña, aínda que exista recurso e demanda nas lonxas. Sostén, ademais, que noutras zonas do Estado non sempre se consomen na súa totalidade as posibilidades de pesca.
«Non debemos limitar o debate a canto lle corresponde a cada territorio, senón que debemos preguntarnos se o sistema actual permite aproveitar do mellor xeito posible unha cota que pertence ao conxunto do Estado», sinala o dirixente socialista.
«Non é reclamar privilexios para Galicia»
O socialista pide ao ministerio que analice o consumo real da cota, para determinar canta se emprega cada ano, canta queda sen utilizar e en que momentos da campaña. Propón tamén substituír a cota individual e inamovible de cada barco por unha cota global para a flota, con límites fixados segundo o número de tripulantes, a capacidade da embarcación e os días reais de actividade.
Reclama que a cota se xestione de forma dinámica durante a campaña, de xeito que as posibilidades non consumidas por unha embarcación queden dispoñibles para outras, e que se facilite a transferencia ou adquisición de cotas sobrantes. Engade que o reparto debería atender ao emprego que xera cada barco e aos criterios científicos de conservación.
«A miña intención con esta carta non é reclamar privilexios para Galicia nin prexudicar a outras comunidades pesqueiras», aclara Pardo, que defende un modelo «máis flexible, baseado no consumo real e nas necesidades de cada embarcación».
