A praia das Salseiras de Caión conta desde as últimas semanas cunha exposición permanente sobre o impacto dos residuos plásticos no medio mariño e costeiro, instalada polo Concello da Laracha xunto a un dos accesos ao areal.
A mostra está composta por catro paneis interpretativos que, a través dunha proposta visual e divulgativa, amosan como os plásticos se desprazan polas correntes oceánicas, que ocorre con estes materiais cando chegan ao medio natural, o problema dos microplásticos e os efectos que a súa presenza ten sobre os ecosistemas e os animais mariños.
Ademais de informar sobre esta problemática, a exposición busca fomentar a reflexión sobre o papel que pode desempeñar cada persoa ante esta realidade. Cada panel inclúe propostas concretas para reducir a presenza de plásticos no medio mariño, desde xestos cotiáns ata a participación en accións de limpeza ou iniciativas de ciencia cidadá.

As catro estruturas están fabricadas con plástico reciclado e deseñadas para resistir de forma permanente as condicións ambientais da contorna da praia.
A iniciativa forma parte do proxecto «O mar de Caión e o plástico: Reflexións dende a Praia», promovido polo Concello da Laracha e financiado pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do GALP Costa da Morte, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027.
A instalación dos paneis dá continuidade ás accións de sensibilización desenvolvidas dentro do proxecto, que incluíron tamén tres obradoiros de educación ambiental centrados en dar a coñecer á cidadanía a biodiversidade mariña galega e a problemática da contaminación por plásticos.
