A conselleira do Mar, Rosa Quintana, anunciou hoxe que a Xunta traballa na creación dunha campaña informativa sobre o parasito anisakis, unha iniciativa que presentará ao sector nos vindeiros días e que se publicará en breve. Así o sinalou a titular de Mar durante a visita realizada esta mañá á lonxa da Coruña, onde asistiu á poxa de peixe.
Alí Rosa Quintana tamén explicou que esta campaña responde á alarma xerada en relación ao consumo de peixe e ao parasito anisakis sobre a que se vén queixando o sector, xa que repercute no descenso do consumo de peixe e do seu prezo, especialmente da pescada. Tamén responde, engadiu, á necesidade de traballar conxuntamente entre as administracións e o sector co fin común de informar e mandar unha mensaxe de tranquilidade sobre este parasito.
Consumo de peixe con tranquilidade en Galicia
Neste sentido, fixo fincapé en que a existencia deste parasito non supón unha novidade e que Galicia sempre consumiu peixe e aplicou e aplica a normativa de manipulación con todas as garantías.
Nesta liña puntualizou que, seguindo as indicacións de manipulación, as persoas poden consumir peixe con tranquilidade. Ademais a conselleira puxo de relevo a calidade dos produtos do mar de Galicia e a profesionalidade dos produtores da nosa terra. En todos estes aspectos, engadiu Rosa Quintana, incidirá a campaña na que está a traballar a Administración galega para axudar ao noso sector. Así, esta iniciativa, terá dúas vertentes.
Que é o anisakis e como evitar riscos
Unha delas será informativa e comprenderá mensaxes sobre que é o anisakis e como evitar riscos. A outra vertente incorporará mensaxes de tranquilidade facendo fincapé no feito de que o consumo de peixe é seguro sempre que se adquira polos canles legais de comercialización e que se cumpran as recomendacións sobre a súa manipulación.
A conselleira valorou a importancia do desenvolvemento de accións deste tipo para colaborar co sector e tamén puxo de relevo a necesidade de traballar xuntos neste cometido, co fin común de promover o consumo de peixe e de informar ben aos consumidores sobre o anisakis.
Fonte- Nota de prensa consellería do Mar