O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu hoxe á compañía The Ritz-Carlton Yacht Collection a confianza depositada en Galicia despois de que se oficializara o contrato aos estaleiros de Barreras en Vigo dun novo cruceiro. Trátase dunha segunda unidade, similar á que xa se está construíndo nestes momentos, que eleva o montante total da operación aos 500 M€.
Con este novo pedido asignado a Barreiras, sinalou, o estaleiro afianza a súa entrada no segmento dos cruceiros e o naval galego reivindica a súa capacidade para construír buques tecnoloxicamente avanzados, en segmentos cada vez máis especializados e baixo estritos niveis de esixencia.
É ademais unha moi boa nova para o sector naval galego, que rexistra o maior volume de actividade da última década. Tanto é así, dixo, que o 66% de todos os contratos logrados nos tres primeiros meses do ano foron adxudicados aos estaleiros galegos, 6 de cada 9, ao que engadiu que, en total, a industria naval galega conta con 30 dos 58 buques contratados ao Estado. Galicia sitúase no segundo posto europeo de contratos de buques xa asinados, despois dos Países Baixos.
Unhas cifras sobresaíntes que evidencian que este sector soubo remontar desde a crise do tax lease, chegando mesmo a cuadriplicar desde entón a súa actividade grazas á súa aposta pola diversificación da produción e pola mellora tecnolóxica.
Ao longo da súa alocución, o presidente da Xunta fixo referencia tamén a viaxe realizada no mes de febreiro a Miami, ocasión na que Feijóo aproveitou para trasladarlle ao conselleiro delegado de The Ritz-Carlton Yacht Collection, Douglas Prothero, á dirección de PortMiami e aos principais operadores de cruceiros do país, que Galicia quere ser escala de referencia na costa Atlántica, tanto a nivel turístico como no relativo ao sector naval.
Finalmente, o titular da Xunta expresou o seu desexo de que o vencello que hoxe se consolida dea lugar a novos e mellores proxectos cos que amosar ao mundo que o naval galego é un sector de vangarda. «En Galicia sabemos construír barcos», sentenciou.