O BNG da Costa da Morte denuncia que “unha vez máis, a Xunta de Galicia volve tomar o pelo aos veciños e veciñas de Corcubión” ao retrasarse a construción do Porto Mixto promovido por Portos de Galicia.
Consideran que o informe de impacto ambiental publicado hai uns días, que indica a necesidade de someter o proxecto á avaliación ordinaria e non simplificada, “vén a constatar un varapau na tramitación do proxecto”.
Enganar a veciñanza de Corcubión
“Os feitos demostran que as promesas do Partido Popular na campaña electoral foron un auténtico paripé para enganar por enésima vez á veciñanza de Corcubión” afirman os nacionalistas.
Non cuestionan o contido do informE de impacto ambiental pero critican que a Consellaría de Medio Ambiente “tiñan xa nesas datas” os datos.
Tamén expresan a súa “sorpresa” que desde o Ministerio de Transición Ecolóxica indique que existen impactos ambientais, como o ruído que se produciría nas obras cando non informou “na tramitación da declaración de impacto ambiental doutros proxectos, como o despezamento de buques no porto de Brens, que pode xerar máis contaminación acústica prolongada no tempo”.
Oscar Insua: «Asistimos a unha verdadeira tomadura de pelo»
O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, manifestou que “asistimos a unha verdadeira tomadura de pelo de Portos de Galicia, pois parece que o fan a propósito para retrasar aínda máis o proxecto do Porto Mixto”, e remarcou que a entidade portuaria “ten que dar explicacións públicas de se sabían xa nas eleccións galegas o contido deste informe e ocultárono aos veciños e veciñas de Corcubión, a pesar de seguir prometendo o tan manido porto como se nada pasara”.