viernes, septiembre 11, 2026
InicioCultura marineraDe 2.300 a 4.470 naufraxios: o novo inventario de Rafael Lema

De 2.300 a 4.470 naufraxios: o novo inventario de Rafael Lema

O escritor e investigador Rafael Lema Mouzo presentará este venres, ás 20.00 horas, no Centro Mar de Sorrizo, en Arteixo, un inventario inédito de 4.470 sinistros marítimos rexistrados nas costas galegas. A intervención, titulada «A costa de 4.400 naufraxios», enmárcase nas «Xornadas sobre mar e naufraxios» que se celebran o venres 21 e o sábado 22 de agosto e adianta un traballo que o autor, natural de Ponte do Porto, prevé publicar en setembro.

O novo catálogo case dobra o inventario de 2.300 barcos que Lema deu a coñecer no Ateneo de Madrid en 2013. Segundo o investigador, o aumento débese a novos apuntamentos sobre afundimentos das dúas guerras mundiais, á revisión da prensa internacional entre 1850 e 1950 e á anotación de sucesos ocorridos en augas de xurisdición española. A maior parte dos casos concéntrase na costa coruñesa, entre Bares e o sur de Fisterra.

Naufraxios con nome e crónica

«O catálogo contempla naufraxios con nome e crónica, non restos dispersos ou non identificados, ningún tramo de costa europeo ou atlántico pode acreditar esta cifra», afirma o autor, que rexeita a lenda negra sobre afundimentos provocados polos habitantes da Costa da Morte, «con datos e non con contos».

O programa arranca o venres ás 19.00 horas coa charla «Naufragios en el mar de Sorrizo», a cargo de Marcos Amado, director do Arquivo de Pesca de Caión. Ese día tamén intervén Lema Mouzo. O sábado interveñen Gerardo Triñanes, coa conferencia «Un mar de madera», sobre a construción naval en madeira en Galicia, e o arqueólogo submarino Antonio López Arenas, que abordará o papel do cruceiro Blas de Lezo na Guerra Civil chinesa.

As xornadas están organizadas polo Concello de Arteixo con financiamento do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura e da Consellería do Mar, a través das axudas xestionadas polo GALP Golfo Ártabro Sur. A entrada é gratuíta ata completar o aforo e cada sesión pecharase cunha degustación de produtos do mar.

RELACIONADOS

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
- Advertisment -

MÁS NOTICIAS