Camariñas celebra desde este venres a súa fin de semana dos naufraxios, adiada pola borrasca Beatriz. Este venres comeza «a ruta das tapas» a mediodía. En Camelle haberá dous actos pola tarde, o coloquio «Naufraxios e rescates en Camelle» con Manuel Tajes O Rubio e Fernando Patricio de Naufraxios Galegos. As 21,00 horas representación teatral de naufraxios no peirao.
O sábado haberá unha mesa redonda as 12,00 horas na confraría de pescadores de Camariñas. Miguel San Claudio falará sobre «O valor do patrimonio submarino». Bernardino Martínez da «Noite e ruta dos naufraxios», e Rafael Lema de «Naufraxios, novela e ensaios».
Ruta das tapas en Camariñas
Será unha completa «Fin de Semana dos Naufraxios» con propostas gastronómicas, culturais e turísticas. As actividades culturais voltarán ao Cemiterio dos Ingleses, onde o sábado, a partir das 21:00h haberá unha representación teatral organizada polo Concello en colaboración coa Deputación da Coruña. O sábado pasado levouse a cabo a homenaxe ao Serpent e a todos os náufragos.
Ademais, os clientes poderán degustar durante todo o fin de semana da «Ruta de Tapas dos Naufraxios» na que máis de 20 establecementos participantes ofrecerán, por 1 euro, tapas relacionadas cun barco naufragado ao que dan nome. Participan nesta ocasión A Ría, Bar Playa, Bar Victoria, A Moleda, Belmar, Oasis, As Vegas, Confitería Camariñas, Taberna do Bico, Club Náutico, A Molinera, Bar Paella, Marítimo, Pizzería A Xunqueira, Pizzería Brasil, Casa Trabeiro, CunKcafé, La Tavernetta, Bar Rojo e O Ariño.
Para aqueles que enchan o cupón con 6 das tapas participantes o Concello de Camariñas sorteará 210 euros en premios. Un primeiro premio de 120 euros, un segundo de 60 euros e un terceiro de 30 euros. Ademais, todos os que proben as 6 tapas recibirán un agasallo dunha gorra-viseira. O horario para probar as tapas da ruta é de 12 a 14:30 horas e de 19 a 21:30 horas. O domingo terá lugar unha andaina guiada para adultos, en torno aos naufraxios en Camariñas.