miércoles, abril 29, 2026
InicioNoticiasO BNG pide activar canto antes a base aduaneira de Cee

O BNG pide activar canto antes a base aduaneira de Cee

O BNG expresou a súa satisfacción tras coñecer os plans do Goberno central para reforzar o Servizo de Vixilancia Aduaneira na Costa da Morte cunha nova unidade administrativa en Cee, mantendo ao mesmo tempo operativas as instalacións actuais de Muros.

A formación nacionalista considera que a decisión atende unha reivindicación histórica da comarca e permitirá mellorar a vixilancia marítima nun tramo litoral que viña reclamando maiores medios fronte ao narcotráfico e outras actividades ilícitas.

Segundo a información trasladada polo Executivo, o novo modelo contempla unha base estable no porto de Brens, en Cee, así como o despregamento de embarcacións en distintos puntos da zona. En concreto, está prevista a operatividade de tres unidades: unha semirríxida cabinada Rodman 33, un patrulleiro de altura Rodman 101 e outra embarcación semirríxida non cabinada.

A patrulleira de maior tamaño tería a súa base en Brens e asumiría actuacións en mar aberto, mentres que o resto dos medios complementarían os labores de vixilancia nas rías de Muros, Corcubión e Camariñas. Ademais, a zona norte contaría con apoio desde a base marítima da Coruña.

Unha demanda histórica

O deputado do BNG no Parlamento galego Óscar Insua sinalou que se trata dunha demanda longamente formulada pola comarca. “Por fin logramos unha demanda histórica da comarca. Agora instaremos ao Estado a que se efectivice o máis axiña posible”, afirmou.

Insua engadiu que a formación continuará vixiando o cumprimento do anunciado e reclamou que os medios sexan suficientes para a zona. “Agora imos seguir traballando para que entre a funcionar canto antes a unidade administrativa, e para que traian unha patrulleira en condicións”, indicou.

O parlamentario nacionalista asegurou tamén que este avance responde ao traballo desenvolvido nos últimos anos. “Estes logros son os que fan útil ao BNG na Costa da Morte”, manifestou.

Desde o BNG tamén reclamaron que os medios asignados respondan ás necesidades operativas reais da comarca.

RELACIONADOS

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
- Advertisment -

MÁS NOTICIAS