O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, presentou unha iniciativa parlamentar dirixida ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para pedirlle explicacións por ter decidido impor unha veda obrigatoria para o xurelo no norte de Fisterra e ignorar os informes que avalan a recuperación do stock, “o que faría innecesaria esa medida”.
Veda sen falar co sector afectado
Rego pide que se manteña unha xunta co sector e revise a instauración deste veto que “se fixo sen dialogar nin falar previamente co sector afectado”.
“O recorte establecido no 2023 supuxo un duro golpe para a frota do cerco e artes menores do Cantábrico”, afirma Rego, quen traslada ao Ministerio a fonda preocupación da frota cerqueira que “non pode entender outra veda sen previo aviso”.
Critica que este paro se xustifique en base a recuperar a especie cando “un informe do IEO constata que as poboacións de xurelo xa se teñen incrementado significativamente”.
Tamén lembra que o sector aínda non percibiu as axudas da campaña anterior.